Saturday 18 de May de 2024

Retómanse as obras de ampliación e mellora do trazado nos primeiros 330 metros da DP- 1301 en Brión, suspendidas hai un ano


O alcalde agarda que as obras estean rematadas antes de finais de ano e salienta que mellorarán a seguridade viaria dos peóns
O Concello de Brión celebra o reinicio das obras de ampliación e mellora do trazado na estrada DP-1301 Gándara-A Amañecida, entre os puntos quilométricos 0,047 e 0,377, paralizadas no verán de 2019 despois da quebra da empresa encargada dos traballos. Unhas obras que están sendo executadas pola empresa Explotaciones Medioambientais SLU, tras a súa adxudicación por 114.791,31 euros (IVE incluído) por parte da Deputación Provincial da Coruña.
O alcalde de Brión, José Luís García, amósase moi satisfeito polo reinicio dos traballos “pois se trata dunha obra moi importante para a seguridade viaria de centos de veciños e veciñas, que nestes momentos tiñan que camiñar por unha zona de bastante tráfico e sen beiravías.
Agora que se retoman os traballos, agardamos que estean rematados antes de finais de ano e que a veciñanza dispoña dun camiño seguro ata Os Ánxeles, pois é unha zona que concentra servizos e equipamentos como a gardería, a zona comercial e de hostaleira, e mesmo as paradas do transporte metropolitano”.
No momento de paralizárense as obras, a empresa adxudicataria xa fixera un importante movemento de terras a ambos lados da DP-1301, previos á ampliación da calzada. Pola súa banda, Explotaciones Medioambientais SLU comezou onte sinalizando o lugar e procedendo aos traballos para a ampliación da ponte sobre o río Viceso. Para unha maior velocidade de execución e eficiencia económica, optouse por unha estrutura prefabricada que consistirá nun taboleiro formado por unha viga en dobre T de 0,9 metros de canto. Nestes momentos a empresa traballa na cimentación desta nova estrutura.
O tránsito de vehículos pola zona non se verá afectado durante estes primeiros momentos, porén si que haberá que realizar desvíos cando se acometa a ampliación e mellora da actual calzada. Os traballos permitirán ampliar a calzada da estrada ata os 7 metros de ancho, con 0,5 metros de beiravías, así como rectificar un pouco o trazado da curva. Ademais, revestirase en formigón as cunetas da zona e se executará un novo sistema de drenaxe e recollida de pluviais que mellorará as condicións de circulación con choiva.
As obras teñen un prazo máximo de execución de 5 meses. Unha vez rematadas, permitirán conectar de forma segura as beirarrúas da Avenida de Noia (AC-543) coas beirarrúas da aldea de Liñares.